Friday 03 de May de 2024

Concello e Deputación asinan un convenio para colaborar na celebración da Copa do Rei de Baloncesto de 2016 na Coruña


O acordo ratifica o compromiso de ambas as dúas administracións pola promoción do deporte, sobre todo entre os máis novos

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o presidente da Deputación coruñesa, Diego Calvo, asinaron un convenio para colaborar na celebración da fase final da 80ª Copa do Rei de Baloncesto, que se celebrará o próximo ano na cidade, un evento que se axusta ao compromiso mostrado por ambas as dúas administracións para fomentar o deporte -de xeito especial, entre os máis novos-.
A competición, que reunirá en 2016 na Coruña aos oito mellores equipos da ACB, supón un retorno económico único, sobre todo para o pequeno comercio e os sectores hostaleiro e hoteleiro, xa que se calcula un impacto económico na cidade de máis de 20 millóns de euros.
O acordo de colaboración entre o Concello, a través da Fundación Emalcsa, e a Deputación da Coruña garante que ambas as dúas administracións traballarán de xeito conxunto para a celebración dunha competición deportiva de primeiro nivel como é a fase final da Copa do Rei que organiza a Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB). O convenio é a consecuencia do compromiso dos gobernos local e provincial de celebrar na cidade este evento, ao tempo que ratifica a decisión que acordou a Asemblea Xeral da ACB en novembro de 2014 de conceder á cidade da Coruña a sede a Copa do Rei de 2016.
O convenio de colaboración remarca que a celebración da fase final da Copa do Rei de Baloncesto beneficia de xeito importante non só á cidade, senón tamén á súa área metropolitana, “tanto polo elevado número de persoas que se desprazan durante varios días á cidade como polos retornos de imaxe ao ser un acontecemento de repercusión mediática nacional”. Así, a previsión é que este evento supoña un retorno económico único para a cidade e, de xeito especial, para o pequeno comercio, a hostalaría e hotelería, xa que se calcula un impacto económico de máis de 20 millóns de euros.
O gasto medio diario por afeccionado rolda os 200 euros para os residentes e os preto de 1.000 euros para os que acoden doutros lugares de España. Ademais, o gasto directo de patrocinadores e colaboradores participantes no evento alcanza o millón de euros e a Copa do Rei retransmítese en máis de 100 países e logra unha audiencia acumulada de 10 millóns de espectadores.
A fase final da Copa do Rei de Baloncesto, que a disputan os oito mellores equipos da ACB, consta de sete partidos: catro de cuartos de final, dúas semifinais e a final.
A súa celebración o próximo ano na Coruña axuda ademais á difusión dos valores asociados á actividade deportiva, así como á promoción do deporte de base, pois entre as actividades programadas de xeito paralelo tamén se encontra a celebración do campionato de España en categoría infantil.
Dende a Deputación da Coruña, o seu presidente Diego Calvo mostrouse orgulloso e satisfeito de poder colaborar con este acontecemento, moi importante para A Coruña pero tamén para toda a provincia. “Durante a celebración da Copa do Rei do ano próximo, a nosa provincia será a capital nacional do baloncesto”, asegurou Calvo, quen tamén se felicitou polo gran revulsivo económico e turístico que isto supoñerá.
O torneo regresará a Galicia 23 anos despois, cumprindo co obxectivo do Concello de que a cidade albergue outro grande evento e estreitar aínda máis os seus lazos con este deporte que tantos afeccionados ten na cidade, afianzando A Coruña como referente do noroeste español no mundo do deporte.
Esa unión da cidade co baloncesto naceu do convenio polo cal ACoruña foi designada pola Federación Española do Baloncesto como Cidade Asociada ao Mundobasket 2014, polo que foi a primeira urbe da Ruta Ñ-14 e a única da cornixa cantábrica que puido gozar da selección dentro da súa xira de preparación de cara ao Campionato do Mundo do ano pasado.